Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala | Videoremix from Illa Bufarda on Vimeo.

Un pouco de Historia... 

O primeiro terzo do século XX

Se o século XIX supuxo un momento fundamental para a lingua, ao se recuperar a nivel escrito despois da longa decadencia dos Séculos Escuros (séculos XVI-XVIII), o primeiro terzo do século XX vai significar outro avance cualitativo importante, consistente en proxectar o galego a outros campos (ensaio político e científico, xornalismo, actos públicos...) dos que ata entón estivera excluído. Reivindícase así o galego como medio de expresión natural en todas as facetas da vida. Este avance vén marcado pola aparición de importantes movementos de carácter nacionalista que continúan o labor iniciado no século anterior polos movementos provincialista e rexionalista.

A vinculación da loita a favor da lingua co movemento nacionalista é tan clara que precisamente este naceu co nome de Irmandades da Fala (fundadas na Coruña en 1916) e dotouse dun medio de expresión exclusivamente en galego, a xa histórica publicación A nosa terra. Mais se as Irmandades naceron co obxectivo de defender a dignificación e a ampliación de usos da lingua, dous anos máis tarde, en 1918, e xa formando parte delas figuras tan destacadas como os irmáns Vilar Ponte, Castelao, Risco, Losada Diéguez ou Cabanillas, formulan un plano xeral de actuación política tendente a lograr o autogoberno pleno para Galicia e a súa federación co resto das nacións que compoñen a Península Ibérica. Ao lado desta proposta, formulada polo sector "político", vai cobrando forza o sector "culturalista", que pretende a potenciación e defensa da cultura galega e renuncia desde un comezo á loita política.

No ano 1920, comeza a publicación da revista Nós, voceiro da xeración cultural do mesmo nome á que se vinculan, entre outros, Risco, Cuevillas, Castelao e Otero Pedraio. O seu programa consiste en sacar a cultura galega do folclorismo e do influxo da cultura castelá, tentando por un lado, modernizala, tirándolle o exceso de localismo, ruralismo e costumismo que ata entón a caracterizaba e, por outro lado, universalizala, ao poñela en contacto directo coas ideas e os movementos culturais vixentes en Europa. Para tal fin, os homes da revista Nós acollen nas súas páxinas traducións, informacións ou noticias do que se fai noutras literaturas ao tempo que se preocupan por todos os aspectos da cultura galega. Con eles, o galego logra a súa madureza literaria e é empregado en obras de carácter científico de todo tipo (historia, etnografía, arqueoloxía, filosofía, socioloxía...).

Como herdeiros e fillos ideolóxicos da xeración Nós, un grupo de estudantes universitarios entre os que figuran Carvalho Calero, Filgueira Valverde e Bouza Brey funda en 1923 o Seminario de Estudos Galegos, coa finalidade de dotar a Galiza dunha institución que fixese posible o estudo de todos os seus aspectos. Con eles, potenciarase e ampliarase o uso do galego na prosa científica e técnica e desenvolverase unha actividade investigadora e divulgadora en diferentes campos.

Chegada a República, en 1931, todo o galeguismo vai confluír no Partido Galeguista, que tiña como obxectivo a consecución da autonomía política para Galicia, centrando os seus esforzos na redacción dun estatuto de autonomía que será aprobado polas Cortes españolas en 1936. Neste estatuto establécese, no artigo 40, a cooficialidade de galego e castelán. O golpe de Estado franquista impide a súa entrada en vigor.

A preocupación fundamental dos intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século é dignificar a lingua, rescatándoa dos estereotipos de ruralidade e incultura cos que viña asociado. De aí que realicen un labor intenso no estudo do idioma e na ampliación dos seus ámbitos de uso, outorgándolle un prestixio que lle negaba a vida oficial e administrativa, totalmente castelanizada. Combaten así tamén os argumentos demagóxicos dos detractores do galego que afirmaban que o seu uso só servía para illarnos e incomunicarnos da cultura universal. A tese destes autores é precisamente a contraria: só desde a identificación coa lingua e cultura propias se pode acceder a outras linguas e culturas.

Os escritores deste período caracterízanse por intentar superar o dialectalismo ou interdialectalismo do período anterior, en favor dun intento de supradialectalismo que constituirá o xerme dunha posterior normativa unificadora. A tarefa principal é a purificación da lingua de castelanismos. Este labor, acometido sen unha seria base lingüística por parte dos escritores, levará á adopción de formas pseudoevolucionadas ou simplemente inventadas por un afán diferencialista do castelán. Rexéitanse formas cultas coincidentes co castelán, empregándose no seu lugar outras hipergaleguizadas ou vulgares (así, por exemplo, palabras como brillar, organizar, ambiente, concepción, pobre, ou esperanza aparecen con frecuencia como brilar, orgaizar, ambente, conceución, probe e espranza). Moitos destes erros perdurarán ata os nosos días.

Por outra parte, a toma de contacto co galego medieval a raíz das edicións das cantigas e outros documentos, unida a un desexo de depuración da lingua e á necesidade de cubrir os baleiros léxicos levan a certos escritores a retomar formas arcaicas e xa desaparecidas na lingua, moitas veces coa mesma intención diferencialista (e encontrámonos así con formas como outo, conquerir, coor, cibdade ou parescer en lugar das correctas alto, conseguir, cor, cidade, parecer). Configúrase así un galego en parte afastado da fala real, arbitrario e en certa medida de laboratorio que continuará vixente nos anos de posguerra.

No que respecta á cuestión ortográfica, o castelán continúa a ser a referencia fundamental. Persiste unha grande inseguridade gráfica, fundamentalmente naqueles fenómenos exclusivos do galego para os que o castelán non aporta solucións. En materia de acentuación non hai uniformidade en ningún autor, continúan as vacilacións no emprego do h, no de b e v ou no de i e y (encontrámonos con beira e veira, Hespaña e España, hai e hay). Tampouco se resolve a cuestión da representación do fonema / /. Aínda que a maioría dos autores opta polo uso de x, algúns tan importantes como López Cuevillas ou Vicente Viqueira son constantes no uso etimolóxico de g, j, x (geral, hoje, deixar). No que si houbo un acordo bastante xeneralizado foi na práctica dunha escritura foneticista herdeira da do século XIX na reprodución de fenómenos de fonética sintáctica propios da fala que dá pé a unha gran profusión de apóstrofos e guións de enlace (s´asconden, sobr´esto, quen-o, non-o).

Durante estes anos materialízanse os primeiros intentos de camiñar cara á consecución dunha lingua estándar, entre os que destacan o Compendio de Gramática Galega promovido polas Irmandades da Fala, do que é autor Carré Alvarellos e, sobre todo, o traballo titulado Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego do Seminario de Estudos Galegos que, pensado en principio para uso exclusivamente interno, tivo unha gran difusión, sendo adoptado na súa totalidade polo boletín A Nosa Terra, daquela órgano de expresión do Partido Galeguista.

PARA SABER MÁIS sobre As Irmandades da Fala: